CEDIM

Rede Union Cooperacion

A porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC galego sitúase no 37,5%

O Observatorio da Sociedade da Información, adscrito a Amtega, publica o estudo temático “As mulleres no sector TIC”

Valoración 
 

Santiago de Compostela, 2 decembro 2013.- As mulleres representan o 37,5% do total de traballadores do sector TIC galego, superando a media europea, que se sitúa por baixo do 36%. A porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC de Galicia mantense estable nos tres últimos anos, aínda que cunha fenda de 25 puntos porcentuais entre os homes e as mulleres

A presenza das mulleres nas empresas tecnolóxicas galegas varía segundo a actividade desenvolvida. O dato máis positivo corresponde ás empresas de telecomunicacións, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores. No outro lado da balanza están as comerciais TIC e as autónomas, que en ambos casos están nunha porcentaxe de arredor do 30% respecto aos homes con este perfil profesional no sector TIC galego.

A primeira causa da fenda de xénero no eido empresarial tecnolóxico atópase xa na desigual proporción de homes e mulleres que acceden a estudos universitarios relacionados coas TIC. No curso 2010-2011 dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas das 3 Universidades Galegas, so 66 eran mulleres, e dicir que representan pouco mais dun 20% dos titulados nestes estudos. A medida que avanza o seu desenvolvemento profesional, esta diferenza reflíctese no mercado laboral TIC e, particularmente, en postos técnicos e de toma de decisión.

Estas son algunhas das conclusións recollidas no estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A formación académica das mulleres das empresas TIC galegas
Unha de cada catro empresas TIC ten empregada algunha muller con titulación TIC superior ou media, concretamente, un 14,4% de empresas TIC ten empregadas mulleres con titulación superior TIC e un 10,2% de empresas TIC ten empregadas mulleres con titulación media TIC.

O 17,2% de empresas TIC de Galicia ten empregadas mulleres con Ciclos Formativos TIC, preferentemente ciclos formativos superiores relacionados coas tecnoloxías.

Os roles das mulleres no cadro de persoal das empresas TIC galegas
A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Obsérvase que soamente nas tarefas non TIC as mulleres están preto de acadar unha situación de equilibrio.

Só o 17,6% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 46,4% dos homes. No persoal non adicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (10,5%) é 4 puntos inferior á dos homes (14,5%).

As mulleres atopan un “teito de cristal” nas empresas: A porcentaxe de empresas TIC de Galicia con asalariados que contan con algunha muller en postos de dirección limítase a un 18,1%.

Nas actividades de I+D+i, do total do persoal adicado a tarefas relacionadas coa investigación, o desenvolvemento e a innovación, un 80,8% son homes e o restante 19,2% son mulleres.

Contexto europeo
O panorama europeo en canto á participación feminina no sector TIC é pouco alentador: de cada 1000 mulleres graduadas, só 29 o fan en áreas relacionadas coas TIC, e destas, unicamente 4 traballan no sector tecnolóxico.

A presenza das mulleres no sector TIC en Europa presenta un balance dispar, sendo os países do Sur e do Este do continente os que amosan os mellores datos neste sentido, cun 35,6% e un 34,3% respectivamente. Nos países do Oeste e do Norte, a participación feminina no sector tecnolóxico sitúase baixo o 30%.

Por outra banda, a porcentaxe de mulleres membros de Consellos de Administración ou Xuntas directivas das empresas europeas sitúase no 16%, lonxe da paridade, e máis aínda nos cargos de Presidencia, nos que a presenza feminina limítase a un 3%.

A baixa representación das mulleres están no sector TIC europeo constátase especialmente en postos técnicos e de toma de decisións. Tan só o 19,2% das persoas que traballan nas TIC ten unha xefa muller, fronte ao 45,2% das que traballan noutros sectores.

En xeral, as mulleres tecnólogas europeas síntense menos satisfeitas que os homes que traballan no sector TIC, e incluso, que os traballadores do sector servizos non TIC. Ademais, perciben que non poden aplicar as súas propias ideas no seu traballo en moita maior medida que os seus compañeiros nin son motivadas a participar na toma de decisións.

Recomendacións e propostas de actuación
Dende a Comisión Europea propóñense varias recomendacións: construír unha imaxe renovada do sector entre as mulleres e a sociedade en xeral, empoderar ás mulleres no sector e aumentar o número de mulleres empresarias no sector das TIC.

Así mesmo, na Axenda Dixital 2014.gal recóllense liñas actuación referidas á participación e o empoderamento das mulleres na Sociedade da Información.

Entre elas, potenciar o Centro Demostrador TIC de Galicia como espazo de emprendemento para que as mulleres poidan desenvolver proxectos empresariais e tecnolóxicos relacionados coas TIC.

Fomentar a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Cemit) como ferramenta para impulsar as TIC entre as mulleres, e levar a cabo programas formativos orientados a mulleres e asociacións de mulleres, que incentiven unha maior participación das mulleres nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC e na I+D+i.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org

Fonte : Xunta de Galicia
Buscador de actividades
Buscador de centros
You don't have Javascript enabled. Hover for more information! But don't worry: you can still use this web site! You have two options:
  • enable Javascript in your browser and then refresh this page, for a much enhanced experience.
  • click the Update button every time you want to update the selection.
Fomento de Calidade Industrial Comissão para a Cidadania Xunta de Galicia